domingo, 23 de julio de 2017
O PP tomba a lei galega de identidade de xénero e procura fendas entre os colectivos LGTBI
Tres veces "non". En setembro de 2016,
durante a campaña das eleccións galegas, diversos colectivos LGTBI dirixíronse
aos grupos políticos á procura de apoio para o que daquela era un bosquexo de
lei galega de identidade de xénero. As forzas que compoñen a actual oposición
parlamentaria foron algunhas das que secundaron a iniciativa, que a pasada
primavera emprendeu un camiño parlamentario concretado no rexistro do texto
articulado da proposición por parte de En Marea, PSdeG e BNG. Así, por
triplicado e con consenso pola esquerda, chegou este martes a iniciativa
lexislativa ao pleno da Cámara para o debate de toma en consideración, o que
determina se unha lei é tramitada e sometida ao correspondente proceso de
emendas, paso que non chegará porque o grupo do PP optou polo "non".
A maioría dos preceptos desta proposta xa están en marcha, aseguran os
conservadores, que aproveitaron o debate para procurar fendas entre as asociacións
que representan este colectivo.
O texto, concibido sobre o "principio de
respecto á libre manifestación da identidade de xénero", aborda ámbitos
que ían dende a xestión administrativa cotiá ata atención sanitaria, medidas
educativas e de formación, garantías de non discriminación no ámbito laboral,
liñas de apoio familiar ou regulamentacións sectoriais e para persoas en
situación de especial vulnerabilidade, caso das vítimas de discriminación e
violencia ou poboación reclusa. A proposta, a xuízo da oposición, permitiría o
ordenamento xurídico galego ir alén da lei de igualdade de trato e non
discriminación de persoas LGTBI, aprobada en 2014 a iniciativa do PSdeG pero
con amplas modificacións introducidas polo PP, que fixera valer a súa maioría absoluta
para matizar ou retirar aspectos como o réxime sancionador.
A esa norma, precisamente, é a que se aferraron os
conservadores desta volta para xustificar o "non" á lei de identidade
de xénero. Nela, di a deputada popular Marta Rodríguez-Vispo, quedou
"plasmada" a "defensa da liberdade das persoas" e dos seus
dereitos con independencia "da súa identidade ou orientación sexual",
así como o "rexeitamento a calquera acoso" ao colectivo LGTBI. Esa
lei, afirmou, é "aplicable en todos os seus artigos ás persoas
transexuais", a Xunta xa a está a desenvolver e mesmo a "facer o que
propoñen" co texto que hoxe se debatía en ámbitos como o sanitario.
"Mágoa -censurou- esta ruptura de consenso entre as asociacións",
porque "se algunha destas asociacións se quere arrogar a
representatividade de todas, non estamos de acordo", dixo esgrimindo un
escrito no que dous colectivos -Fundación Daniela e Chrysallis- se desmarcaron
da proposta, impulsada por Arelas, Ultreia e Amizando.
A postura do grupo que sustenta o Goberno foi
lamentado polos grupos que avalaron conxuntamente a lei, todos eles de acordo
en superar o marco da normativa de 2014. Galicia, lembrou no nome do BNG a súa
vicevoceira, Olalla Rodil, non conta "cunha soa lei que defina que é a
transexualidade, que é a identidade sexual e de xénero" e, sobre todo, que
"despatoloxice" a transexualidade ou "facilite" trámites
como o cambio de nome en rexistros e demais documentación oficial. Unha norma,
ao cabo, que deixe claro que "o xénero non ten nada qeu ver cos xenitais,
que hai homes con vaxina e mulleres con pene" e que tal circunstancia non pode
ser abordada como unha "enfermidade" ou un motivo de discriminación.
A translación á vida cotiá das propostas da lei foi
outros dos eixos nos que os grupos da oposición apoiaron a súa defensa da
proposición. "Están vostedes seguros da súa identidade? Saben se son
vostedes homes ou mulleres? Se pensan que non teñen que responder a estas
preguntas, por que outras persoas teñen que facelo?", cuestionou o
deputado Marcos Cal á bancada do PP no nome de En Marea. A lei do 2014,
lembrou, apenas dedica "dúas liñas á transexualidade" e con ela aínda
vixentes danse casos como o de Pablo, "que mudou tres veces de centro educativo
por acoso", o de Manuel, "que terá que pedir un crédito para facer as
cirurxías que precisa e que o Sergas non cobre" ou Daniela, "que ten
que dar unha explicación cada vez que saca o DNI" para accións cotiás como
pagar con tarxeta.
"Non sei de que teñen medo, que é o que lles
parece mal de tomar en consideración esta lei", lamentou Cal nun contexto
no que a deputada do PSdeG Noela Blanco censura tamén que a lei promovida polo
seu grupo en 2014 sexa agora utilizada polo PP para "facer publicidade e
propaganda", anunciando medidas para desenvolvela xusto antes de opoñerse
á nova proposta. O que o PP rexeitou este martes, advertiu, son peticións tan
concretas como que "os tratamentos" na sanidade pública "non
rexeiten nin discriminen" ou se vele pola "dignidade destas
persoas" en todos os ámbitos da vida diaria. Pero "as señorías do PP,
censura, seguen a ser "os últimos da fila na loita polos dereitos"
aínda que despois "fagan uso" deles: "Dixeron non ao divorcio e
divorciáronse; opuxéronse á lei do aborto, pero abortaron; non apoiaron os
matrimonios entre persoas do mesmo xénero, pero actuaron como testemuñas en
vodas dos seus compañeiros. Que hipocrisía", reprochou.
A lembranza da participación de cargos opulares
naquelas "infames manifestacións" para "opoñerse a que dúas
persoas do mesmo sexo puidesen casar", en verbas de Rodil, pairaron tamén
sobre un debate que o partido de Alberto Núñez Feijóo tentou zanxar acusando a
oposición de tentar levar os dereitos LGTBI a un "escenario de
confrontación". "Parece que se empeñan en dicir que somos tránsfobos
e non o somos", proclamou Rodríguez-Vispo mentres permanecía no atril a
bandeira que representa as persoas trans -a oposición colocara unha e a
deputada do PP achegou outra de seu-. "Queremos contentar a todo o mundo e
que todo o mundo estea unido dese tema" mentres En Marea, PSdeG e BNG
"só perseguen" con este texto "defender os intereses de
determinadas persoas, non aos colectivos trans de Galicia". A oposición,
ao cabo, só procura "politización", sentencia.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario